Thursday 02 de May de 2024

Nava Castro destaca o turismo como ferramenta para salvagardar os elementos culturais de Galicia


A directora de Turismo de Galicia realizou unha exposición do turismo cultural da comunidade con especial énfase no seu produto de referencia, o Camiño de Santiago

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, participou na mesa redonda “Turismo – Coñecemento, Comprensión e Cultura” enmarcada na xornada “Turismo – Os viaxeiros do século XXI” que tivo lugar na Escola Diplomática en Madrid. Alí, Castro salientou que o turismo en Galicia constitúe unha importante ferramenta para salvagardar os elementos culturais a través da conciliación entre a explotación e o aproveitamento turístico.

“Esta harmonía prodúcese cando os fluxos de visitantes son xestionados atendendo á capacidade de carga do propio patrimonio civil e relixioso, servindo deste xeito de instrumento para a preservación destes”, explicou.

A mesa redonda contou tamén coa participación de Manuel Figuerola, director do doutorado en Turismo e profesor da Universidade Antonio de Nebrija, Joaquín Castillo, director xeral de Turismo da Comunidade de Madrid, e Guillermo Escribano, xefe do departamento de Cooperación e Promoción Cultural da AECID -Axencia Española de Cooperación Internacional para o Desenvolvemento-. O debate foi moderado por Luis Padrón, director xeral de Casa África.

A directora de Turismo de Galicia realizou unha exposición do turismo cultural da comunidade con especial énfase no seu produto de referencia, o Camiño de Santiago. Durante a súa intervención, destacou que a comunidade autónoma galega conta cun importante patrimonio cultural no que destacan grandes referentes como os 671 bens de interese cultural e os 4 ítems declarados patrimonio da humanidade pola UNESCO -a Torre de Hércules da Coruña, a Muralla Romana de Lugo, a cidade de Santiago de Compostela e o Camiño de Santiago-.

En relación ao Camiño de Santiago, a directora de Turismo de Galicia destacou que a ruta xacobea é un exemplo de boa práctica e de caso de éxito dun produto cultural que exerce un impacto significativo no turismo e na economía das rexións polas que transita. “O Camiño de Santiago, que está vivo dende hai ao redor de 1.200 anos, desenvolveuse a través dunha sólida base histórica e cultural que é recoñecible en infinidade de testemuños públicos e privados, en distintas manifestacións da arte ou nos máis de mil libros que na última década foron dedicados a este fenómeno”, sinalou.

A directora de Turismo de Galicia explicou, durante a súa intervención, que O Camiño de Santiago ofrece a posibilidade de coñecer a cultura e comprender as tradicións españolas dun xeito especial e auténtico e contribúe de xeito efectivo a romper barreiras culturais.

Así mesmo, Nava Castro salientou o espectacular crecemento que está a experimentar o Camiño de Santiago nos últimos anos. “En 1987 foron 2.905 peregrinos os que recibiron a Compostela e este ano xa se contabilizaron na oficina de acollida do peregrino máis de 236.000, o que supón un incremento de máis do 10% respecto ao pasado ano”, explicou a directora de Turismo de Galicia. “Ademais do crecemento gradual, unha tendencia que se está a producir nos últimos anos é o incremento dos peregrinos internacionais, os cales supoñen actualmente máis da metade dos peregrinos que realizan o Camiño de Santiago”, engadiu.

Ademais, a directora de Turismo de Galicia recordou que Galicia celebra, ata mediados do 2015, o VIII Centenario da peregrinación de San Francisco de Asís a Santiago de Compostela. “Un extenso programa cultural que inclúe todo tipo de acontecementos culturais, artísticos e sociais, actuacións de investigación así como iniciativas relacionadas co desenvolvemento turístico e a acollida ao visitante”, afirmou.

Nava Castro concluíu afirmando que o coñecemento, a comprensión e a cultura son elementos nos que se debe basear o desenvolvemento turístico para que o sector consolide lazos entre países garantindo a permanencia de valores, a identidade e as tradicións de cada un deles.